Miguel さんのプロフィール.: Cilags :.フォトブログリスト ツール ヘルプ

.: Cilags :.

Blog do humorista incomprendido

Valverde Miguel

職業
所在地
好きなもの/好きなこと
Son un tipo complicadamente sinxelo nun mundo sinxelamente complicado...
5月31日

Historias do avó IV

- Pois eu nasín en 1926.
 
- ¿E como foi o da guerra? Ti terías 10 anos...
 
- Non, tiña nove, eu ía par des anos, que é o 3 de setembro. Recordo perfectamente esa tarde. Foi o 18 de xullo, a iso das sete da tarde. Uns rapases da miña idade, e alghúns de onse e dose anos estabamos a xoghar cunha pelota de trapo, que era o que había daquela...
 
- ...
 
- De súpeto apareseron dous camións de "asuis". Vestían uniformes grises e baixaron dos camións ghritando, empurrando, disparando e dando culatasos a todo o mundo. Non se salvaba nin dios, pegháronnos incluso aos nenos.
 
Non podía crer o que estaba contándome. ¿Por que aos nenos?
 
- Nos meses seghintes pasámolo moi mal todos, metíanse con nós. Non había día en que aparesesen dous ou tres corpos na beira do mar con tiros na calugha ou nas costas ou...
 
-... E... ¿ti coñecías alguén?
 
- Non, non cheghei a recoñeser ninghún dos corpos...
 
Os ollos tremeron de súpeto cun medo agochado durante case oito décadas.
 
- Cando eu ía faenar pola ría co meu pai, neses meses, atopabámonos con moitos corpos aboiando. Recordo perfectamente que meu pai me dixo cunha ameasa moi seria: "Do que ti ves aquí non dighas nin unha soa palabra nunca, nunca xamais. Se contas algho, un día podo desapareser e verasme aboiando como eles". Eu tiña nove anos e medio... Aquel foi o momento en que acabou a miña infansia.
 
Contou aquilo mentres a sombra do corpo do pao aboiando na ría de Vigo se reflectiu, coma un lampo, na súa mente. O segredo oculto durante tanto tempo estaba aí, agora xa podía falar diso... Dende aquel momento, o avó deixou de ser neno nun mundo duro e comezou a súa vida de adulto nun mundo cruel...

Historias do avó III

- Con esta lus vexo aínda menos, xa non saio de casa mentres está tan forte o sol. Faime dano nos ollos, mesmo cando poño as ghafas de sol.
 
- Si avó, é ademais coa calor que vai...
 
- Pero hoxe xa vai menos, que isto acaba en tronada, non en "treboada", que algúns queren ir catro sighlos para atrás, cando todo o mundo disía tronada.
 
- Pero papá -interrompeu miña nai mentres collía o mantel- noutros lugares dirase doutra forma...
 
- Si, pode ser, antes entendíaste co outro aínda que a palabra fose distinta. Cando levaba a Vigho as patacas para o mercado viña xente de varios lughares de Galisia. ¿Sabes onde está Coiro?
 
- Si, Coiro está en Cangas.
 
- De aí son eu. Antighuamente, de rapas, collía o que miña nai traballaba na nosa leira, cando había o sufisiente, e ía vendelo ao Castro. Collía a ghamela, remaba ata Vigho, subía todo o Castro, vendía o que houbera e volvía a Coiro. E moitas veses, para todo o día, tan só había un anaco de pan reseso.
 
-... ¿Remabas ida e volta na gamela?
 
- E en días como estes fasíase igual. Miña nai, que era unha bendita, máis santa incluso ca túa avoa levantábase ás catro da mañá todos os días, incluso con setenta anos, para traballar en verán co frescor da mañá. Moito traballou esa muller. A vida era moi dura, loitábase por non pasar fame...
 
- ¿Tiñades vacas?
 
- Normalmente tiñamos unha vaca, pero ás veses tiñamos ata dúas... Unha ves un barco brasileiro tivo unha avaría no motor durante un siclón de vento, ou se cadra non puido co vento e deu contra as pedras. Carghaba algharrobas e manises. Durante os seghuintes meses na mesa tiñamos algharrobas, e os manises, que había que tostalos, ata os tomabamos sen tostar. Pero o problema é que, coas algharrobas, logho non había dios que caghase... jejejeje.
 
- Jejeje, claro, estreñían...
 
3月23日

Historias do avó (II)

 
- ¿Viches avó? Ese ghicho está con todos eses leóns e mesmo non lle pasa nada.
- Pero non deixan de ser salvaxes, ¡hai que ter ollo, rapas!
 
O tempo pasa mentres na tele anuncian un novo champú anticaspa.
 
- Oes, Mighel, cando xa estea mellor da vista, quero faser unha cousa.
- ¿E logo, que é?
- Ghustaríame ir ao sirco.
 
¿O avó acaba de dicir o que creo que acaba de dicir?
 
- ¿E iso? ¿Ao circo?
- É algho que dende pequeno me ghustou e quería volver ir cando recupere un pouco da vista. Moito che me prestaba ver os paiasos, os leóns, as ghira-
- Avó, ¿cantas veces estiveches no circo?
- Unha soa ves...
 
E os brevemente brillantes ollos do avó, sumidos nun silencio estarrecedor, navegaron case oito décadas cara ao pasado...

Historias do avó (I)

En chegando coa chalana á altura do Museo do Mar, primeiro foi a sensación de que non estaba só. Aos poucos, afogado entre os estertores do vello motor da chalana, percibiu o son dun habitante do océano que o seguía de preto. Era un enorme golfiño. Vello, marcado polo contacto co ser humano a través de diversas cicatrices que configuraban a cartografía da experiencia, grande coma poucos, o golfiño nadaba de vagar seguindo o ronsel da chalana do tamén vello mariñeiro. Meu avó sorriu polo baixo e comezou a falar con el, como falan dous lobos de mar que non se coñecen, pero que comparten os últimos días da súa existencia mariña:
 
- Xa hai tempo que non vía a un dos teus, xa hai unha chea que non seguen o meu ronsel, que non unimos un fragmento dos nosos camiños de vagar, mentres este mundo tolo parece abocar á nosa desaparición.
 
Como resposta, xa preto do embarcadoiro de Bouzas, o lombo do golfiño elevouse fóra da auga pola proa da chalana e, cruzando de babor a estribor, o animal sacou a cabeza, fixo un aceno de despedida, e proseguiu rumbo cara o seu destino final...
10月1日

Nostalxia

100_0023000_0288
Ás veces un non pode deixar de pensar nos que nos deixaron... Pero as imaxes do recordo vólvense cada vez menos nítidas...
9月14日

Olvidos imperdoables

 
En ocasións a realidade iguala e mesmo supera bastantes ficcións. Penso a miúdo que á xente lle pasan cousas que a min nunca me suceden ou nunca vivín, pero un día ocorre que me veñen á cabeza cousas como a seguinte historia, totalmente verídica (se ben, con algunhas incorreccións derivadas do tempo pasado).
 
Nunha das numerosas viaxes que durante unha tempada fixemos meus pais, o meu irmán pequeno e mais eu á zona de Tui, o baixo Miño e demais, acompañáronnos a miña tía materna, o meu tío político e os dous primos nosos; os catro eramos de idades máis ou menos semellantes (fin da nenez ou nunha preadolescencia galopante). Estaba sendo unha viaxe agradable, dous coches, as brincadeiras propias dos preadolescentes, xogos e demais caralladas que tanto nos molestan logo de maiores cando son outros nenos quen as fan...
 
Chegou un momento en que fixemos unha parada para ver un terreo, preto da beira do Miño, un lugar agradable e non excesivamente caro. Pero chegou o momento de volver aos vehículos, e practicamente todos reanudamos a viaxe... E digo practicamente todos porque sucedeu isto:
 
---------------------------------------------------------
COCHE 1 (miña familia e mais eu)
 
MIÑA NAI.- Pois si, Manuel, é un bonito terreo, pero coido que lle dá a sombra demasiado pola mañá e sería algo frío para poñer a casa.
MEU PAI.- Si, pero tamén está ben preto do río e...  [vendo sorprendido a través do espello retrovisor] ¿Pero que carallo fai Camilo?
 
COCHE 2 (meus tíos e meus primos)
 
MEU TÍO.- Iván, Javier, calade dunha vez ou quedades en terra. O que che dicía, Fina, hai que ver canto custa o terreo, e falar co dono para ver se se pode edificar, e cantas plantas...
MEUS PRIMOS.- Pa... ¡Pero papá, para! ¡Papá!
MEU TÍO.- ¡Pero queredes calar! Así non hai quen fale coa vosa nai.
MEUS PRIMOS.- Pero ma....
MEU TÍO.- ¡¡¡Que caledes xa!!! Fina, dilles algo...
 
EN TERRA
 
MIÑA TÍA.- ¡¡¡¡¡Camilo!!!!! ¡¡¡¡¡CAMILOOOO!!!!
 
----------------------------------------------------
 
Resulta que, cando estaba a piques de abrir a porta do copiloto, meu tío arrincou o coche, deixando atrás á miña tía, mentres supostamente falaba con ela. Meu pai, que viu o que estaba pasando, espero a ver cánto tempo pasaba antes de que se decatara. Percorremos case un quilómetro...
9月4日

Informe de situación 26 a 32

 
Estado de ánimo: Feliz e atarefado.
Traballando en
: Diversas actividades da Fundación Carlos Casares e, en menor medida, no último proxecto de Xan.
Vendo: Torchwood (qué personaxes, qué guións...).
Escoitando: bandas sonoras de The Happening e de Batman: The Dark Knight.
Lendo: Rematei recentemente o libro de Robert A. Heinlein: Porta ao verán (interesante, curioso, moi na liña de Heinlein).
Xogando: Nos escasos momentos que teño, retomando vellos pero adictivos xogos como o Star Trek Bridge Commander.
Cousas rematadas: Adaptación laboral na Fundación Casares; adaptación no novo fogar (independencia).
Proxectos: 1) Mercar mobles e electrodomésticos para a casa; 2) E tamén unha cadea de prata para o reloxo; 3) Deixar ben bonito o novo portátil (para o que é preciso un HDD externo; 4) Volver retomar nos meus escasos tempos libres o pracer da escritura; 5) Escoitar máis música.
8月28日

Domingo na Illa de San Simón

 
 
Este domingo erguínme moi cedo, non sen un cansazo terrible por ter durmido tan só 4 horas despois dun sábado cheo de movemento, para ir á Illa de San Simón. Esa illa (en realidade arquipélago) dende neno enchíame o ollo, e esa querencia foi aumentando cos anos. Así que cando a Fundación Illa de San Simón, a Xunta e Caixanova propuxeron a organización de viaxes e visitas guiadas de dúas horas a San Simón, non puiden senón alegrarme.
 
Xa falara antes con Miguelín ou Dani de reservar praza, e foi o primeiro quen o propuxo finalmente. Decidimos ir o domingo Ana, Iván, Sofía, Miguelín, Estrella e mais eu. Aínda que chamamos con 5 días de antelación, apenas quedaban prazas para as 10h da mañá. A visita é altísimamente recomendable para todos os vigueses, porque gran parte da historia (especialmente da historia negra) da ría está encerrada nesas pequenas illas. Nunca un espazo tan pequeno albergou tanta dor. De feito, comentando a visita co meu avó, díxome con un ton sombrizo e escuro que non visitaría San Simón aínda que lle pagaran por facelo, porque ese sitio daba acubillo a unha maldade que lle revolvía o estómago... San Simón foi nun primeiro momento asentamento de varias ordes relixiosas, despois porta de entrada a España e lugar de corentena dos barcos que chegaban á Vigo, leprosería e, durante case 10 anos, cárcere para represaliados polo réxime franquista.
 
Moitas cousas están por ver e moi pouco o tempo para gozar de elas. Os edificios (uns dez), a pequena capela, o minúsculo camposanto (os represaliados que morrían eran enterrados na fosa común de Pereiró), as exposicións de homenaxe e recordo do noso pasado común, o xardín botánico -en especial o paseo de buxos-, os monumentos, embarcadoiros, a fermosa ponte, a fauna... En definitiva, todo un microcosmos inzado de historia. Abaixo quedan unhas poucas fotos da visita.
 
DSC09430DSC09432DSC09456DSC09462DSC09476DSC09485DSC09507DSC09514DSC09535DSC09544

Ecos

 
 
Volver encher este espazo virtual de vivencias persoais custa máis do que nun primeiro momento parece. Diversas causas teñen ido configurando un proceso retroalimentado de lacazanería, aínda que todas esas causas teñen un nexo común: as "mudanzas". O traballo, o fogar, o carozo... Non obstante, non se trata dun resultado totalmente negativo; todo o contrario. En moitos aspectos tiven que me enforntar a fortes cambios nun tempo ben escaso, tiven que lidiar cos ecos do pasado de maneiras certamente inesperadas, tomar decisións de forma instintiva e renunciar a un futuro que desexaba por outro incerto que está comezando a ser un novo futuro. E, por último, tiven que retomar vellos sentimentos, renovalos e deitalos nunha fonte que leva máis caudal e é máis forte que calquera río no que naveguei ata o de agora.
 
Evidentemente nestes meses tanto cambio ten suposto un curto pero intenso proceso de maduración nalgúns aspectos da miña vida... aínda que no fondo sigo sendo igual ca sempre, claro. Con este primeiro post hei abrir unha nova etapa para tentar cumprir algúns dos meus obxectivos (e de deixalos logo esquecidos novamente, como ten que ser), e seguir contando experiencias vitais, contando historias imposibles, contando cousas que me sorprenden e contando ata cen ;).
 
8月21日

Voo JKK5022

 
 
Descansen en paz 
 
lazo negro
 
E ánimo para os familiares.
Todos compartimos a vosa dor.
 
 
 
 
6月12日

Google maps e o centro da península

 
Pregunta: ¿Cal é o centro da Península Ibérica cado abrimos o Google Maps dende España?
 
Resposta: Unha árbore... en Madrid 
 
Pasos
 
1) Abre a páxina española de Google
 
2) Vai á pestaña de "Maps"
 
3) Zoom ao máximo
 
4) Esta é a resposta:
 
 Centro Península
 
Pois si, unha árbore anónima no medio da rúa Antonio López, de Madrid (unha rúa, por outra parte, non moi céntrica...)
 
5月29日

De volta. Mes atípico

 
Agora mesmo debía estar durmindo, estendendo unha man cara ao lado esquerdo da cama, e realizando outros pequenos rituais que me permiten roncar a eito sen que as preocupacións cotiáns me rolden na cabeza; non obstante, estou escribindo finalmente esta entrada na bitácora de meu (a ver quen me ergue mañá).
 
Estas semanas foron difíciles no meu aspecto creativo. Por algunha razón que descoñezo (teño as miñas teorías, claro) o pasamento de Xan Bouzada provocou non xa un baleiro estraño, senón unha apatía á hora de poñerme a escribir. Pendente queda realizar unha semblanza axeitada á gran persoa e o maior experto en socioloxía galega e o que supón a súa desaparición. Pero agora convén realizar un breve resumo do acontecido nestes últimos días...
 
0) O funeral por Xan foi moi emotivo, pero iso quedará para outra ocasión. En canto ao meu primo, ese é máis duro có buxo. Estará de baixa e rehabilitación uns cantos meses, e dubido moito que siga traballando no mesmo despois do sucedido. Parece que asentará un pouco a cabeza en Vigo. Agora só lle resta ser un punto menos egoista e centrado...
 
1) Xan deixara rematado un artigo no que colaborei con diversos cadros estatísticos e con información especializada. Porén, houbo un erro coas versións do artigo, e fun á súa casa para atopar a dita versión. E tiven a ocasión de falar coa súa muller. Contoume cousas que, se ben son sinxelas, atesouro para min. O que si podo contar é que Bouzada elixira a casa polas magníficas vistas que tiña á ría. Que cando viu o ventanal da casa, tantos anos atrás, imaxinou como a mesa de traballo se situaría á altura perfecta para ver os solpores nas Cíes mentres sintonizaba música clásica. O artigo foi atopado sen maiores problemas. A última versión era do 21 de xaneiro...
 
2) Uns días antes de todo isto, fun con Dani, Isma e outra xente do Verbum a cear nunha finca de Marián. Churrasco, Lambrusco, cervexa, unhas partidas ao "Asasino" e ao "Home Lobo" e para casiña.
 
3) Montaxe dalgunhas partes de "Contacto sanguinolento". Iván, Jaime e mais eu falamos de remontar os temas dalgunha parte da película, ademais de gravar os comentarios dos "directores-produtores-montadores". Eu son partidario de gravar o epílogo (3 minutos máis de filme) e, se houbese tempo, regravar todo a secuencia do campionato (ou, como mínimo da loita final). O primeiro sería máis ca desexable. O segundo... 
 
4) Novo traballo. Uns poucos días despois do funeral recibín unha chamada dun dos membros da Fundación Carlos Casares para realizar labores de asistencia técnica, así que dende o 14 de maio estou niso, sen descoidar o proxecto pendente de Xan unha vez se aprobe o convenio co Consello da Cultura Galega. Xa comentarei o que poida máis polo miúdo, pero de momento non me podo queixar... Ademais, ao aceptar este posto tiven que deixar de lado outras dúas propostas laborais (unha máis concreta e outra menos definida pero igual de interesante).
 
5) Medio enfermiño. Ando de volta coa amigdalite. A última fora en febreiro, pero semella que o meu punto feble pasa pola gorxa... De novo con antibióticos e Ibuprofeno (cos efectos indesexados que acarrexan...).
 
6) Miles de cousas pendentes. Coma sempre teño unha manchea de proxectos e visitas pendentes. Alex e Javi, Lorenzo e Aníbal (grazas a deus Mencía-Vanesa-Agustín puido ser, e todo un éxito -queda pendente a entrada-), invitar os amigos á casa para unha inauguración formal (que todo o mundo me reclama), quedar con Miki, Carbajo, Luis, Arancha ou Andrés... Ao mesmo tempo resolver eses pequenos detalles sobre o aluguer do piso e unha morea de detalles máis que ás veces acaban bloqueándome...
 
7) Asociación. Téñoa ben abandoada, e iso que vivo máis cerca... Dirixo dúas partidas de forma bastante irregular agora mesmo e xogo outras tres con carácter aínda máis irregular se cabe (pola miña culpa).
 
8) Cea e <segredo> na casa de Ángel. Só os que fomos e algún achegado meu sabe o que sucedeu alí trala cea. Moi divertido, exceptuando que acabamos moi tarde e eu sentíame algo culpable... Pero todo ben.
 
9) Sei que esquezo algunha cousa importante que me pasou este mes, pero non consigo lembrarme. Fun ao cine, iso si, a ver a última de Indy; colguei o cadro de miña nai no meu cuarto (é unha mestra coas cores), etc.
 
10) Remato aquí porque quedei durmido 5 minutos escribindo a frase anterior... 
5月5日

Morre Xan Bouzada

 
As desgrazas nunca veñen soas...
 
Estando no hospital chama a miña compañeira. Xa falaramos unhas horas antes, sobre o extremadamente delicado estado de Xan, o noso mentor, xefe e amigo. Ela estaba algo afectada porque morrera seu avó o fin de semana pasado. Cando volveu chamar e sobre todo ao oír a súa voz decateime de que ocorrera o peor. Xustamente onte atopeime con Anxo Lorenzo e a súa muller. Tentei preguntar por Xan, pero no fondo eu xa ventaba que algo malo sucedía. Arrepíntome moi fondamente por non ter tido o valor suficiente para despedirme del cando aínda estaba a tempo; non embargantes sostiña a leve esperanza de que volvese remontar a onda. Neste caso, a vaga foi demasiado para el.
 
Agora mesmo, afectado como estou por este día certamente maldito, non teño moitas forzas para ser coherente e escribir un texto do que meu xefe e amigo puidese sentirse orgulloso. Agora mesmo só vou dicir que a súa morte e unha perda de proporcións inimaxinables para Galicia. El amaba a cultura e o seu estudo e loitaba con todas as súas forzas dende un delicado estado de equilibrio contra todos eses fagocitadores e caciques cultuturais, contra aqueles imbéciles e escuros que só teiman pola súa parcela de poder sen decatarse do intenso dano que están facendo, coas súas loitas de taifas, ao desenvolvemento das políticas e industrias culturais deste país...
 
Só agardo que o seu legado teña eco e o seu intenso traballo por Galicia sexa útil. Como mínimo merece iso. Como mínimo.
 
1184919315xannnncultura_concellos_1

Accidente

 
Marcho correndo ao Hospital do Concheiro. Ao parecer o meu primo pequeno Javier tivo un accidente esta mañá á altura do Alcampo. O condutor da furgoneta na que ía el e outros compañeiros do traballo estaba sen durmir e bébedo, e tralo accidente deuse á fuga. Ten mazaduras por todo o corpo e unha fractura no pulso dereito, segundo sei.
 
Actualización 19:40: Tal e como me relatou o propio Javi, estaba almorzando na Hollywood cando pasaron a recollelo sobre as 08:30 da mañá para ir traballar. Na furgoneta do traballo estaban o condutor -que máis tarde se sabería que só durmira tres horas e estaba bébedo-, un rapaz e mais meu primo. Estaba comendo unha torrada e comezaba a poñer o cinto de seguridade cando notou que a furgoneta viraba pola rotonda a grande velocidade e comezaba a perder estabilidade, poñéndose a dúas rodas. Comentou flipado que o tempo se ralentizou: soltou a torrada e, instintivamente, deixou o cinto de seguridade que estaba poñendo -porque a furgoneta ía envorcar polo seu costado-. Utilizou unha agarradeira para evitar o primeiro impacto, pero a inercia fixo que se soltase. Se cadra foi nese momento que rompeu o pulso da man esquerda. A partir de aquí pechou os ollos para protexerse do cristal esnaquizado que lle ía para a cara co brazo esquerdo (no que se lle cravaron algúns cristais). Recibiu tamén un moi forte impacto no costado dereito -fixéronlle un TAC, e de momento parece que todo vai ben- e como puido, e cunha pouca axuda, conseguiu saír. Comentou que nun primeiro momento estaba tan aturdido e tan feble que tentou cuspir os cristais que lle entraran na boca e que só conseguiu expulsar, con grandes esforzos, unha masa sanguenta de cristais e un anaco de torrada que estaba a comer cando o accidente. Atendérono primeiramente na cafetería na que almorzara minutos antes.
 
A pesar do terrible e aparatoso accidente, e de que os tres houberon morrer, Javi foi o que peor parado saíu. O condutor resultou totalmente ileso, e o outro rapaz sufiru algunhas rabuñaduras e un esguince de nocelo. Levaronos ao Concheiro, e foi nese momento que o condutor, visiblemente avergonzado e arrepentido, volveu á súa casa, e nada se sabe del dende entón. Cando a policía foi buscalo xa non estaba alí.
 
Con respecto a meu primo seguirá en observación 36 horas máis. Puido ser moito, moitísimo peor do que foi... Pero as desgrazas non veñen soas...
 
 
4月18日

A guerra da Independencia

 
Pois non, non se trata dunha desaliñavada e incoherente parrafada sobre feitos históricos que coñezo só de oídas e por filmes máis ou menos fantasiosos. Falo de algo moito máis próximo, dun dos meus obxectivos vitais para este ano. A cousa comezou xa hai algún tempo, pouco despois de rematar un traballo de lectura e resumo de artigos sobre política e planificación lingüística.
 
PASO 1: BUSCAR PISO
 
Nada sinxelo, a verdade. Non quería poñerme en mans de "profesionais" que vampirizan os clientes para colar pisos que podes atopar pateando as rúas. Numerosos portais de internet ofrecen un servizo de busca que se actualiza diariamente. Despois de visitar algúns pisos, apareceu un pequeno pero bastante arranxado de prezo e indubidablemente céntrico. Os pros: preto da Praza Elíptica -e do concello, do Corte Inglés, da asociación, de Príncipe...-Amoblado, con dormitorio e cociña separados, trasteiro, calefacción... Os contras: pequeno (30 metros cadrados), e interior (as fiestras dan ao patio interior, execptuando a minúscula ventá do cuarto de baño).
 
PASO 2: CONTRATO DE ALUGUER
 
A verdade é que non tiven ningún problema neste sentido, aínda que estiven batallando moito pola rede para adecuar o contrato piloto ás esixencias da LAU (Lei de Arrendamentos Urbanos). O caseiro non puxo obxeccións ás miñas peticións e o trato foi moi cordial en todo momento. Outra cousa foi o papelame do aval, unha práctica case obrigada para os caseiros pero extremadamente inxusta para quen aluga. Os gastos son numerosos, pero o máis molesto foron as continuas viaxes e trámites para unha figura burocrática trasnoitada que precisa dun axuste aos novos tempos o antes posible.
 
PASO 3: MUDANZA E COMPRAS
 
A falta de coche propio provocou algunha que outra petición vehicular a algún amigo e amiga (graciñas Ainara), e decidín facelo aos poucos, así que fun levando o imprescindible e a partir de hoxe poderei comezar a habitar o lugar de meu (alugado, pero meu). O piso vén amoblado, pero teño que ir mercando todos os utensilios de cociña (agora mesmo faltan só tarteiras e tixolas), algunha cousiña para o baño, unha alfombra para o salón, cambiar algún moble e comprar algún outro (devezo por adquirir unha pequena estantería para libros que iría directa ao dormitorio).
 
CONCLUSIÓN: INDEPENDENCIA
 
Xa porei fotos do "campo de batalla"...
4月8日

Relato (3C - Antonio Couso)

 
 

Relato (3C - Antonio Couso)

 

Don Antonio comprendeu perfectamente que aquel berro alporizado pertencía á moza que entrara antes que a muller e mais a rapariga, e así llelo fixo saber tras percibir que as alterara ata o punto de se poñeren pálidas. En vez de apartarse da fonte de tal disturbio, a aclaración pareceu atraelas ó vagón de cabeza. Ademais, segundo creu intuír Don Antonio, a rapariga parecía molesta permanecendo no de cola.

A nena era especial; decatouse no mesmo momento en que ollara para ela. Tiña esa especial candidez que deitaba a finada da súa muller cando el lle axudaba na cociña naqueles primeiros anos de casados –unha época de felicidade rodeada pola mesta e fría néboa do esquecemento–, e tamén na ollada se reflectía a forza desesperada que agromara naquelas últimas xeiras brutais da enfermidade, para convencelo de que non estaba a sufrir terriblemente…

No medio do vagón, algo dentro de Don Antonio clamou de súpeto, e sorprendeuse sinalando a catro asentos centrais, que estaban baleiros, e dicindo:

 

- ¿Que tal se sentamos aquí? ¿non lles importa que as acompañe parte do traxecto?

 

A nena respondeu cun amplo sorriso, aguantando a risa, sacando o chapeo e realizando unha soberbia reverencia para que Don Antonio puidese tomar asento ó carón da nai, non moi contenta polo ofrecemento, xusto no momento no que o tolo entraba no vagón…

4月2日

Portugal (Parte 3 e última: presentación da revista "Biblia")


Esta tarde en Vigo chegou o culmen da miña "experiencia portuguesa", a cal levo vivindo dun mes a esta parte. Daniel e mais eu acudimos, invitación de Ismael mediante, á presentación da Revista Biblia na Galería María Prego, en Luis Taboada. Aínda que comezaba ás 20h, este tipo de eventos sempre se retrasan un anaquiño, así que puidemos parolar un chisco e contemplar as obras alí expostas. Tras unha breve sesión fotográfica dalgún xornal da cidade, a presentación da revista comezou a súa andaina da man do seu director, Tiago Gomes, que resultou ser de ascendencia galega (máis concretamente de Soutomaior).

Segundo a nota enviada pola galería, a Revista Biblia (constátese que "biblia" en grego significa "libros") e "un proxecto cultural nacido en Lisboa que vén desenvolvéndose dende 1996 como un espazo de experimentación das tendencias contemporáneas en artes visuais e literatura e para o cal colaboran importantes firmas do país veciño". Efectivamente, o deseño das revistas é moi bo, cambiando en cada número, se ben pode apreciarse unha temática e unha corrente de contidos comúns para cada número.

Da presentación, máis que os datos da revista  interesoume moito máis o chamamento de Tiago Gomes para unha colaboración máis efectiva entre Galicia e Lisboa, especialmente polo grandísimo número de galegos residentes na capital portuguesa. O editor comentou que a pesar da importante corrente de colaboración na zona de Galicia-Norte de Portugal, había unha potencialidade cultural moi pouco explotada entre o mundo lisboeta e Galicia. Algo que hai que ter moi en conta, de seguro...

O resto da tarde-noite, parada no Varadero, calmar a fame con gorentosa e exclusiva comida no Metbar (intercalada con diversas conversas socioculturais e ideas interesantes, entre as cales se atopa a "Axenda epidérmica", da cal falarei nalgunha ocasión futura) e volta rapidiña para casa. Porei algunha foto se consigo...


4月1日

Portugal (Parte 2: Porto e Ikea)

 
O pasado venres, aproveitando o festivo local, decidín ir cuns amigos a Porto. Ainara, Isma, Winston, Daniel e mais eu en dous coches. O obxectivo principal era conseguir cadeiras e mesas para un evento particular, pero o tempo e o sino foron esquivos...
 
Saímos algo tarde por mor de retrasos acumulados. Mal tempo na estrada pero moita diversión. Chegada ao Pazo da Música, onde apareceron dous amigos de Isma e, xuntos, fomos comer a un restaurante. Entre bacallao e Frango (Polo), decidimos tomar un café nunha famosa e fermosísima tetería en varios niveis na zona de Galerías de Porto (unha rúa onde se aglutinan a maior parte das galerías de arte da cidade). Tras unha longa espera, gozamos dunha boa dose de teína, cafeína e tortas (de limón, entre outras). "Pouco" despois despedímonos dos amigos de Isma e fixemos unha "breve" parada na libraría ";ndex", onde merquei dous libros de poesía portuguesa.
 
A seguinte e necesaria parada era o Ikea. Tomounos algo de tempo chegar ata a nave, arribando case no lusco e fusco. A pesar de todo, Ikea pechaba ás 23 horas (fuso portugués), polo que estivemos alí practicamente ata medianoite. Nas case 3 horas que estivemos dentro revisamos todo o revisable, palpamos mobles e obxectos, probamos poltronas, mercamos de todo (eu un morcego de peluxe e un par de lámpadas de mesa, pero houbo outras compras, como: un xogo de coitelos, perchas, paraugas, pantuflas, máis peluxes, copas, tazas, quitapelusas, etc, etc.). De todo... ¡¡menos o que viñamos buscar nun principio!! As cadeiras que buscaba Isma estaban esgotadas na cor necesaria. E en canto ás mesas seleccionadas, ou ben faltaban as patas ou ben as táboas... ¡Que desastre! ¿Como poden sobrar 15 patas dunha mesa e faltar outras tantas táboas? En fin, un grandísimo desabastecemento e falta de loxística bastante irritantes.
 
Pero obviando o pequeno e terrible suceso, foi unha experiencia moi interesante que espero repetir cando me independice :)
 
DSC08518DSC08523DSC08525DSC08529

3月31日

Portugal (Parte 1: Crecente, Peneda e Castro Laboreiro)

 
A semana santa e esta semana pasada visitei Portugal por diversos e fructíferos motivos. Neste capítulo vou dedicar a realizar unha breve síntese da viaxe a Crecente. Yoli comentunos a posibilidade de realizar un roteiro de sendeirismo en Portugal, e máis concretamente na Peneda do Gerês, na zona de Melgaço. Yoli ten en Crecente unha casa familiar, na que nos puidemos aloxar, ademais de Danilo e Yoli, Ángel, Andrés, Álvaro, Bruno, Daniel, Roi e mais eu. Tiñamos en mente superar a espina cravada da última viaxe (con Danilo delirando por mor da febre) e esperabamos non ter máis contratempos que o espazo para durmir.
 
A cousa empezou moi ben, salvando a morte do Ratonciño Pérez cando tentaba unha misión de rescate dos dentes de leite no antigo cuarto de Yoli (atopamos un pequeno rato de campo morto ao carón dunha caixiña cos dentes de leite de Yoli). Ese día acomodámonos, aireamos a casa e fomos visitar Terranova, un espazo "museístico" ao aire libre dunha muller con moito tempo libre e un sentido do humor extremadamente... "peculiar". Pola noite bocatas, partidas ao Lobishome de cartas e a durmir, que o día seguinte ía ser moi duro.
 
A Peneda do Gerês foi unha caminata dunha hora e pouco cun desnivel brutal ata un lago do cal proviña a fervenza ao carón da igrexa montaña abaixo. Comimos no lago, protexidos do vento por unha gran rocha, descansamos un anaco, e volvemos baixar. Tras un cafeciño e un refresco de Cola procedente dalgún país árabe (etiquetaxe en árabe), visita ás capelas e viaxe ata Castro Laboreiro, famoso pola presenza das ruínas dunha fortaleza. De novo unha caminata (esta vez de media hora, cun desnivel bastante forte), pero desta volta só nos atrevemos a subir Danilo, Álvaro, Roi, Andrés e mais eu (os outros estaban cansos ou tiñan frío). Tras gozar das vistas e volver baixar, de volta para a casiña, acender de novo a cociña de leña e a preparar a cea (Arroz con cousas cortesía de Daniel). Despois unha de cartas (ao Cabrón), pero as forzas eran moi xustas e ás 2 case todos estaban durmindo...
 
O día seguinte foi un día de recollidas, de xogar ao "Gilipollas" (xogo que lle rematou encantand a Daniel) e de meterse con Álvaro. Na anterior viaxe a Crecente tivera un pequeno incidente cos Spaguetis, e na compra de comida lle demos o cambiazo doutro tipo de pasta por aquel que temía. A cara que lle quedou cando veu o que había para comer non ten prezo (de feito coido que hai por aí unha foto que teño que conseguir...). Trala comida (sen inicidentes), o tempo empeorara ostensiblemente. Volvemos a Vigo e quedamos case todos á noite para cear algo e/ou ir ao Dragons. Unha conversa agradable e unha fin perfecta para a Semana Santa, con lembranzas e convivencias máis ca memorables e entrañables...
 
 
1206279608_fDSC08376$DSC08402DSC08428P3210082P3200080
3月12日

Para entender o Relato

 
Dada a dificultade de lectura nun blog, a creación de categorías é esencial. E aínda máis tratándose dun relato que levo escribindo aos poucos dende agosto de 2006. Ademais, algunha xente comentoume a súa confusión ao respecto deste exercicio experimental de narrativa, chegando a confundilo mesmo con experiencias reais (algo que me alegra, por suposto).
 
Quen queira, a partir de agora, ler de xeito ordenado o mencionado relato ten esa posibilidade buscando a categoría "RELATO" no meu blog, acudindo posteriormente ás primeiras entradas. De momento vou no capítulo 3, así que queda moito por descubrir...

Relato (3B - Sara Vázquez)

 

Relato (3B - Sara Vázquez)


Ler por orde:
1F- Berto
2A- Xosé Almeida
2B- Sara Vázquez
2C- Antonio Couso
2D- Ignacio
2E- Teresa Davila e Liliana Méndez
2F- Berto
3A - Xosé Almeida

 

Tremendo de vergoña e frío, Sara decidiu moverse ata o vagón de cabeza, que de seguro estaría máis baleiro naquel momento. Camiñou entre as sacudidas do tren circulando polas vías de saída e co vento batendo no transporte, e puido percibir unha angustia crecente a lle reptar pola gorxa ata deixala abafada. Sentíndose observada pola ducia e media de persoas que aínda estaban a tomar asento, Sara deixou finalmente o vagón traseiro, respirou un pouco no pequeño habitáculo intermedio tentando tragar o medo, díxose que todo ía saír ben, e entrou no seguinte habitáculo.

Alí estaba o maleducado señor que lle roubara o sitio cando fora merca-lo billete, espreitando sospeitosamente a cabina pola cal acababa de entrar o revisor. E despois, pechara os ollos cunha mistura misteriosa de autocompracencia e macabra felicidade debuxada nos seus maduros e carnosos beizos, tan só para uns segundos despois volver…   

 

- Perdoe señorita, preciso pasar urxentemente ó outro vagón, se me permite…

 

O revisor estaba plantado diante dela, con xesto ameazador e visiblemente alterado, e cometeu o imperdoable erro de agarrala do ombreiro para conducila a un asento.

 


Dúas lendas sobre a Torre de Hércules

 
Por petición de Daniel, e ante a ignorancia demostrada de Ismael e miña sobre parte das lendas que rodean a estrutura do Faro coruñés, presento brevemente as principais lendas da Torre de Hércules:
 
1) Hercúleo soterramento.- Citando directamente da wikipedia:  "Hai varias lendas relacionadas coa súa construción. Unha delas, narrada na Crónica Xeral de Afonso X, conta que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta que enterrou a cabeza do xigante Xerión, despois de vencelo en combate e liberar ás xentes do lugar da súa tiranía. Sobre o lugar no que enterrou a cabeza ergueu unha torre e mandou logo poboar unha cidade. Crunna foi a primeira muller en se presentar e dela tomará nome a vila. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión".
 
2) Albiscando as outras illas.- Citando novamente da wikipedia: "A outra lenda foi tomada do Libro das invasións de Irlanda durante o Rexurdimento: nel cóntase que o rei Breogán de Hispania ergueu unha torre desde a que o seu fillo Ith albiscou Irlanda; morreu no intento de conquistar a illa pero o seu irmán, Mil, si tivo éxito".
 
100px-Escudo_A_Coru%C3%B1a

Totum Revolutum

 
1) Levo moitos días sen escribir ren, en parte porque a lacazanería me alcanzou en pleno corazón, e en parte porque o tempo destinado a cubrir este espazo de experiencias estaba a ser utilizado noutras lides editoriais (neste caso concreto, unha montaxe de vídeo que tal vez poña algún día por aquí).
 
O caso é que levo algún tempo querendo actualizar eventos, subir fotos (teño unha chea por engadir a este espazo), comentar experiencias, publicar relatos... Pero as cousas como son, sempre atopo unha excusa para non facelo (do contrario, aínda me sobra tempo para inventala e convencerme).
 
2) Onte (sendo técnicos, antonte) pasou algo absurdo, e foi abraiante como o que sucedeu me afectou no momento como unha bomba. Acusáronme inxustamente de algo que nin sequera me propuxera; eu, que xa estou máis que de volta de acusacións inxustas, debería ter reaccionado correctamente, pero marchei do lugar, indignado. A historia é moito máis complexa, e provén doutra "acusación" previa a alguén que eu ben quero e que me fixo tamén ferver o sangue. O caso é que me chocou a reacción desa persoa. Estaba máis preocupado por min que por si mesmo (incrible cómo a reacción dun, nun momento de estrés, pode causar medo a outra persoa).
 
3) Tamén hai cousas interesantes. Algunhas partidas que estou xogando actualmente na asociación están a gustarme moito (hai tempo que non me divertía tanto). Destaco especialmente a partida de Gabi e a dos dous Danis (a de Home Lobo foi especialmente amena, con mensaxe de texto de Bruce incluída: "Tu tiempo se acaba, traidor"). E entre as que dirixo a de Mago e Vampiro (mensaxes de texto de Félix incluídas: "Mi último vínculo con la Humanidaaaaad"). E sigo preparando a partida One-Shot de Fomori, que vai ser totalmente distinta á miña forma normal de narrar (ou iso agardo). Con sorte terá moito máis humor negro, será sanguenta, gore e noxentamente divertida.
 
4) Esta semana pasada obtiven dous películas da infancia que levaba tempo buscando para mercar. A primeira foi "Xogos de Guerra". Gran, gran filme; aínda conserva o encanto e sen dúbida estaba adiantada ao seu tempo, porque conserva certa frescura no mundo dos ordenadores. A segunda é "O xovenciño Frankenstein", outra grande película con tons picantes que de pequecho non apreciara convenientemente.
 
E a cousa seguirá, claro...
2月22日

Accidente familiar

 
Tería uns seis anos aproximadamente. As lembranzas do suceso están fraccionadas e ás veces coido que parte dos recordos son rememoracións dos meus pais cando contan a historia, pero si é certo que hai cousas que me quedaron ben gravadas. A seguinte historia pode conter algunha incorrección que tratarei de subsanar, pero así é como o lembro tal que agora...
 
Era pola tarde, un día despexado, tal vez de primavera. Daquela meu pai levaba un Citroën GS azul con parachoques metálicos en forma de baranda de aceiro, se mal non me lembro. Recolléramos unhas pelotas de fútbol (non sei por qué) e coido que estabamos parados nun semáforo en Ricardo Mella para ir non sei onde. A pesar das reticencias da miña nai, eu saíra coa miña e ía de copiloto co meu pai. Miña nai e meu irmán pequeno ían detrás.
 
Daquela, o uso do cinto de seguridade en cidade non estaba estendido en absoluto, así que ningún levabamos protección. Xusto uns segundos antes, eu estaba xogando con calquera trapallada... xusto uns segundos antes aquilo conque eu xogaba esvarárame das mans, caendo no reposapés do asento do copiloto. Xusto un instante antes agacheime para recollelo...
 
Un camión embestiunos por detrás a uns 50 quilómetros por hora, tal vez menos. A forza do impacto provocou que miña nai e meu irmán saísen disparados, amortiguando o choque nos asentos de diante. A estrutura do coche deformouse, atrapándoos nos asentos de atrás (terían que saír por adiante). Meu pai tivo moita sorte de non romper ningunha costela, e coido que quedou nun golpe moi forte. Eu, que non tiña volante sobre o que caer, houben saír despedido pola fiestra dianteira do coche, ou tal vez espetarme contra o salpicadeiro, pero a providencia quixo que estivese buscando calquera carallada baixo o asento, polo que caín no espazo do reposapés do copiloto, sen sufrir nin unha soa rabuñadura.
 
Lembro con toda claridade que estaba extremadamente asustado e tremía como unha folla arrastrada polo vento. Tamén lembro que nos primeiros momentos nos atenderon nun bar, ofrecéndonos unha bebida e unhas patatillas, pero eu recordo claramente que estaba en estado de shock e non tiña nada, nadiña de fame. Coido que tamén nos puxenron algunha manta enriba a min e tal vez a meu irmán.
 
O coche quedou en sinistro total, e foi un miragre que non nos pasara nada a ningún de nós. Eu isto non o lembro, pero meus pais sempre que recordaban rindo a anécdota, contaban que eu moi triste lles choromicaba: "E agora que imos facer, estamos pobres porque quedamos sen coche...". Claro, aínda non coñecía os seguros (de coñecelos, seguiría tremendo...).
2月18日

Blade Runner en Vigo

 
Nestas pasadas festas de Nadal estiven tristeiro porque os cines de aquí (agás os irreductibles dos Norte) son excesivamente comerciais. E a pesar de que Blade Runner é unha gran película, non se apostou por ela. De nada valeron os 25 anos da súa estrea, as innumerables referencias do cine moderno, a filosofía que se desprende da obra mestra de Ridley Scott, o seu ambiente gótico que tantos filmes inspirou, ou que sexa con case toda probablidade a mellor película de ficción científica da historia do cine... Como non é suficientemente comercial non parou nas salas de proxección de Vigo.
 
Ata esta semana.
 
Polo menos, durante a semana do 15 ao 21 de febreiro, nunha única sesión ás 20.15h nos cines do centro comercial de Gran Vía, proxectarase a "Versión Final" do filme (Final Cut) en versión orixinal subtitulada. Nesta última recomposición, Sott engade certas escenas que xa estaban na "Director´s Cut" (versión do director) e mais algunha nova, retoca algunhas secuencias que por motivos de tempo querdaran "daquel xeito", restáurase completamente o filme (e segundo algunhas críticas lidas na rede a restauración é moi boa, case desemedida, cun resultado próximo a un filme 3D), a banda sonora de Vangelis que é tan imponente e extraordinaria tamén se retocou para engadir máis profundidade e sonoridade (quen me coñeza saberá que está entre unha das miñas BSO favoritas), e, ademais, ver unha película como esa en pantalla grande, non ten prezo.
 
Eu non vou perder a oportunidade de ir vela, mesmo que teña que ir só (case incluso mellor, polo menos unha vez).
 
Actualización: En El Faro de Vigo indican que a sesión de Blade Runner é ás 23h, pero na web dos cines consta que é ás 20.15h. O prezo é de 6,20€, mentres que no día do espectador (mércores) é de 4,90€. En calquera caso a miña intención é ir hoxe, así que avisarei das horas e dos "resultados". 
 
Actualización (19 de febreiro): Ao final a sesión era ás 23h. Fun con Jaime e Javi Totó estivo un anaco con nós (logo tiña unha cea). A película incrible, emocionoume enormemente a primeira panorámica da cidade de Los Ángeles coa explosión musical de Vangelis e mais, evidentemente, a frase de Roy cara ao final da película. Ainss, Marian, qué mágoa non terme avisado... pero non sabías. De todas formas, non puiden resistir a tentación e merquei a edición do coleccionista (36€ no Carrefour).
 
BladeRunnerFinalCut
 
全 61 枚中 1 枚目
リスト項目が追加されていません。